Chega aos cines "Toro", a película que Mario Casas rodou en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Hai pouco máis dun ano, os veciños de Monte Porreiro quedaron sorprendidos ao comprobar que o seu barrio convertérase nun auténtico estudio de cinema. O director Kike Maíllo escollera a cidade de Pontevedra -concretamente as inmediacións da UNED- como escenario de rodaxe da súa nova película, Toro, protagonizada por Luís Tosar e Mario Casas, e cuxa gravación principalmente se estaba desenvolvendo en Vigo.
Centos de persoas, na súa maioría adolescentes, achegáronse ata a zona para poder ver en acción a un Mario Casas ensanguentado a bordo dun autobús urbano nas inmediacións da UNED, reconvertida nunha prisión para a película.
E agora, por fin poderemos ver o resultado na gran pantalla. A película estréase este venres 22 de abril en cinemas de toda España, entre eles, os de Vialia.
Toro, que conta co guión de Fernando Navarro e Rafael Cobos (La isla mínima), é un trepidante e emocionante thriller de acción que transcorre durante 48 frenéticas horas.
Luís Tosar (Celda 211, Los lunes al sol) e Casas (Grupo 7, Tres metros sobre el cielo), dan vida a dous irmáns que se reencontran despois de cinco anos. Un estivo no cárcere. O outro roubou a un perigoso perista e agora foxe xunto a Diana, a súa filla pequena. Os tres emprenden unha viaxe por unha Andalucía violenta, mítica, agreste e salvaxe. Unha viaxe no que aparecen as vellas feridas do pasado e no que os irmáns vense obrigados a reconciliarse para salvar a vida.
José Sacristán -actualmente na serie Velvet- e Ingrid García Jonsson, nomeada aos premios Goya 2015 polo seu traballo no filme Hermosa juventud, completan o elenco principal da película.
A rodaxe da película, que se iniciou nas provincias de Málaga e Almería, centrouse principalmente en Galicia. Cerceda, Ourense ou Vigo foron, xunto con Pontevedra e outras localizacións das Rías Baixas, algunhas das localidades que acolleron a gravación deste filme, o segundo que asina Kike Maíllo como director tras o seu debut Eva, estreada en 2011 e galardoada con tres premios Goya, un para el mesmo como mellor director novel.