Manuel Moldes expón na galería About Art tras catro anos de silencio
Por Redacción
Catro anos despois o pintor Manuel Moldes volve expoñer en Pontevedra. Farao na galería About Art, a partir do próximo 13 de abril.
A mostra abre un novo período na traxectoria artística do pintor pontevedrés tras catro anos de silencio, que segundo o propio artista foi "tempo de interiorización, análise e traballo na intimidade do taller".
Nesta exposición, preséntanse unha serie de obras inéditas nas que destaca a paleta de cor viva e alegre e de novo un maior protagonismo da materia, froito da incorporación de materiais novos que fan que as imaxes finais sexan máis corpóreas.
Trátase dunha etapa que, como describe o propio Moldes, estaría próxima á "pintura para tocar".
Como novidade, a galería About Art editará un catálogo sobre a exposición, neste caso con textos de Manuel Moldes e do crítico de arte Ramón Rozas.
A exposición, permanecerá aberta ata o 27 de abril con horarios de martes a venres de 17.30 a 20.30 horas e sábados de 11 a 14 horas.