Un mes de descubrimentos no castro de Alobre
Por Redacción
Xa pasou un mes desde que o equipo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra comezou os traballos no Castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. Neste tempo, os técnicos están a sacar as primeiras conclusións que levan por afirmar que existen varios niveis de ocupación, documentándose un cuncheiro que amortiza unha estrutura anterior e elementos construtivos posteriores á formación do depósito de cunchas.
A escavación, que segue a secuencia estratigráfica polo que aínda non acadou os depósitos selados polo cuncheiro, deu froitos de especial interese como a aparición de cerámicas de importación como Terra Sigillata Hispanica e cerámica Campaniense B, de procedencia itálica, e restos de ánforas como a Haltern 70 e a Dressel 20, ambas de orixe bético. Entre os elementos máis sobresaíntes achados destacan varias pezas de bronce, dous Acus Crinalis, adorno feminino moi apreciado e frecuente entre as mulleres romanas que empregaban estes obxectos para confeccionar o seu peiteado entre os séculos IdC e IVdC; varios fragmentos de pinzas e 4 fíbulas, todas elas documentadas no depósito que cubre o cuncheiro.
A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa, que se estenderá ata xuño, está enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.
No Castro de Alobre a institución provincial está a realizar tarefas para acondicionar o sector visible e o seu contorno inmediato así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas; a consolidación e restauración dos restos exhumados; a recreación de elementos singulares; a instalación de elementos adecuados para facilitar a circulación do visitante polo xacemento, impulsando a accesibilidade; a instalación de elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento e a iluminación da área de intervención.
A través da escavación, se prevé a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. O equipo de técnicos da Deputación de Pontevedra espera que, ó longo deste mes, os achados segan aumentando e poida definirse a utilidade da área que se está a escavar. Neste contexto, preténdese aportar datos para o mellor coñecemento das relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.
Relacionadas:
-
O Castro Alobre está pendente de Fomento para a súa musealización
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 20.000 pezas saen á luz no xacemento de Castro Alobre
Por Redacción |
-
O achado dun forno no xacemento de Castro Alobre revela novos espazos adicados a fins produtivos
Por Redacción |
-
Inician catro meses de escavacións no Castro de Alobre
Por Redacción |
-
Unha vintena de empresas, interesadas en musealizar os castros da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción |