"Babs", da compañía pontevedresa Baobab Teatro, protagonista de Domingos do Principal
Por Alejandro Espiño
Babs de Baobab Teatro será o segundo espectáculo en participar na XIV edición de Domingos do Principal, programa de teatro familiar que organiza o Concello de Pontevedra. Este espectáculo, segunda produción teatral de Baobab Teatro, é unha das obras seleccionadas para participar en FETEN 2013 (Feria Europea de las Artes Escénicas para Niños y Niñas). Representarase este domingo 3 de febreiro ás 12:00 e ás 18:30 horas.
Despois de Fíos, a súa primeira produción, coa que estiveron entre outras programacións de teatro e monicreques, na XIII edición de Domingos do Principal e na XV Feria de Teatro de Castilla- León en Ciudad Rodrigo o pasado verán, Baobab Teatro presentará Babs, un espectáculo dirixido aos máis cativos da casa, no que Baobab puxo toda a súa creatividade, ilusión e experiencia.
Un día Baobab Teatro soñou cun mundo visual, estético, musical e de bonitas palabras, ese mundo é Babs. Babs é unha experiencia máxica onde toda a familia poderá gozar con divertidos e suaves personaxes, formas, cores e volumes diversos, nunha peza na que a tenrura é a protagonista.
Sinopse: Hai planetas e planetas, e está Babs. Babs é un planeta moi, moi pequeno que só ten tres habitantes: Mamá, papá e Babo. Babo é un ser moi pequeniño que quere coñecer mundo pero papá e mamá teñen medo e protéxenno. Mamá e papá non queren que lle pase nada malo a Babo e sempre din NON, pero Babo necesita investigar, descubrir e explorar. Babo explora tanto que desaparece. Babs é un espectáculo tenro e acolledor para gozar en familia.
Baobab Teatro é unha compañía teatral pontevedresa que se fundou hai dous anos por ÿscar Ferreira; titiriteiro, construtor de monicreques e escenógrafo cunha ampla experiencia tanto en televisión como en teatro, e Andrea Bayer; actriz, directora e dramaturga cunha dilatada experiencia e varios premios e mencións no seu haber. Tanto ÿscar como Andrea son os directores do espectáculo.
En Babs, Andrea Bayer está acompañada en escena por Xurxo Cortázar, actor cunha ampla traxectoria teatral e Daniel Abalo que é o encargado da parte técnica do espectáculo.
As entradas para o espectáculo pódense mercar ou ben por internet en www.servinova.com, na taquilla telefónica 902504500 ou o mesmo día da función que estará aberta a billeteira dúas horas antes de cada función.