Soziedad Alkoholika, La Vela Puerca, The Skarnivals e La Sra. Tomasa, ao SonRías Baixas
Por Redacción
Catro novas bandas súmanse ao cartel da nova edición do Festival SonRías Baixas. Tras avanzar hai unhas semanas os primeiros grupos que soarán en Bueu o próximo mes de agosto, a organización vén de confirmar que actuarán no festival os uruguaios La Vela Puerca, a banda do Morrazo The Skarnivals, La Sra. Tomasa e un grupo de culto dentro do metal español, Soziedad Alkoholika.
Thrash, hardcore, metal, punk... Soziedad Alkoholika é unha das bandas máis influíntes da escena independente española das últimas décadas. Combinan hardcore e metal en cancións contundentes repletas de textos tallantes e combativos. As letras corrosivas e explícitas, ricas en compromiso social e en denuncias claras e sen rodeos, foron unha dos seus principais características, xunto coa potencia e coa velocidade do seu directo.
La Vela Puerca é unha das bandas de rock uruguaias máis importantes, masivas e internacionais de América Latina. 20 anos de exitosa traxectoria avalan a súa particular fusión de rock, reggae e ska, na que destaca unha forte presenza de trompetas e trombóns.
A banda catalá La Sra. Tomasa sorprendeu a medio mundo grazas á súa potente fusión de música electrónica na que o Drum'n'bass serve de eixo principal polo que pasan tanto pulsacións da música latina como do House, Dubstep, Moombathon ou da electrónica máis avanzada. Unha mestura explosiva e súper bailable que convenceu aos públicos de media Europa.
Un directo cargado de enerxía e comicidade, con momentos para a reflexión e a crítica é a marca da casa da banda punk folk galega The Skarnivals, que regresa aos escenarios este 2016 cun novo disco debaixo do brazo. Movimiento Irracional é unha chamada á tolemia tanto no temático como no musical. Unha filosofía de loita e de alegría en contra da incansable sobredose de cordura que nos pretenden implantar.
A organización promete máis sorpresas para as próximas semanas e recorda que as entradas están á venda a un prezo reducido de 27,50 euros máis gastos o abono dos dous días, coa acampada incluída. O prezo na billeteira será de 35 euros.
Relacionadas:
-
O SonRías Baixas enche Bueu ata o sábado de boa música e festivaleiros
Por Alejandro Espiño |
-
La Gran Pegatina, Vendetta, Chotokoeu e Gold & Colt completan o cartel do SonRías Baixas
Por Redacción |
-
Lendakaris Muertos, Boikot, Heredeiros e Poetarras estarán no SonRías Baixas
Por Redacción |
-
Atención festivaleiros! O SonRías Baixas regresa a Bueu os días 4, 5 e 6 de agosto de 2016
Por Redacción |