As frechas de Guillermo Tell chegan a Pontevedra en forma de ópera infantil
A figura do famoso ballesteiro suizo Guillermo Tell chega a Pontevedra da man da Fundación La Caixa e da compañía teatral A Baldufa, ambas as entidades encargadas de coproducir a obra en forma de ópera infantil, coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Aproximadamente 2.300 escolares pontevedreses acudirán á cita coa obra, feita por Gioacchino Rossini, durante este 2 e 3 de marzo nas instalacións do Pazo da Cultura, en diferentes sesións que comezan ás 10:00 horas e ás 12:00 horas.
Os asistentes á primeira das catro funcións expresaron a súa alegría nada máis saír da representación teatral, mostrando así o gran interese dos máis pequenos nesta iniciativa social.
Desta maneira, a concelleira Anxos Riveiro e os directivos encargados de representar a La Caixa, Montse Piñón e Santiago Picallo, presentaron hoxe estas xornadas dedicadas a potenciar a cultura dunha maneira máis dinámica e co obxectivo de "achegar novos públicos ao mundo da lírica", aclarou a concelleira, que destacou tamén o traballo previo realizado polos pedagogos nos colexios provocando que "os nenos chegan sabendo o que van a ver".
A obra, na que participan cantantes, actores ou músicos, entre outros, é unha das primeiras iniciativas que a Obra Social La Caixa realiza en Pontevedra neste 2016, cuxos representantes quixeron "agradecer ao concello a axuda para ofrecer esta iniciativa social".