A adaptación teatral de "Azos de Esguello" de Euloxio Ruibal, este venres no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
A compañía teatral Espello Cóncavo, que hai pouco estivera en Pontevedra co seu espectáculo Tres no Bambán, escolleu a nosa cidade para a estrea do seu último traballo Azos de Esguello. Del poderán disfrutar gratuítamente máis de 200 rapaces de centros escolares que acudirán mañá, 31 de xaneiro e pasado, ás 11:30 ao Teatro Principal, e o público en xeral na función do venres 1 ás 21:00 horas.
A obra, baseada no texto de Euloxio Ruibal está adaptada e dirixida por Arturo López, que tamén forma parto do elenco xunto a Fernando Morán, César Cambeiro, Isabel de Toro, Xabier Pan, Teresa Horro, Noemi Miranda, e Marita Martínez.
O protagonista, Don Galisindo, indiano procedente da Arxentina, instálase nunha Galicia que comeza a andaina autonómica. Nun país no que burbullean as primeiras formas democráticas, Don Galisindo comeza unha irresistible ascensión económica, social e política.
Todo vale para acadar os seus obxectivos: corrupción, chantaxe, extorsión. Nada se respeta, nen sequera a vida humana. Un claro exemplo de como se pode chegar a un estado de cousas tan inxusto como o que está a caer sobre as clases medias e baixas do noso país, produto de determinados entes económicos e políticos.