Migallas Teatro e Luís Davila, galardoados co Premio Xoán Manuel Pintos 2016
O Premio Xoán Manuel Pintos 2016, convocado polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL), recaeu en Luís Davila, máis coñecido como O.Bichero, e na compañía Migallas Teatro.
Os elixidos para este galardón, que recoñece o traballo de impulso da lingua galega e que serve para conservar viva a memoria dun dos pioneiros do compromiso coa defensa da lingua galega e figura esencial do Rexurdimento, recibirán a distinción o venres 26 de febreiro no Pazo de Mugartegui, ás 21:00 horas, nun acto público.
Do humorista gráfico pontevedrés Luís Davila, recoñécese o seu labor desenvolto desde a última edición "pola enorme capacidade de comunicación do seu traballo que consegue achegar diariamente a lingua galega de maneira normalizada a todos os ámbitos sociais e ao público de todas as idades" afirmou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
Doutra banda, o premio outorgado a Migallas Teatro considera o traballo feito durante toda a súa traxectoria desde 1996, ano en que se formou como compañía profesional. "O seu compromiso coa lingua leva un longo percorrido de máis de vinte anos de traballo incansable para facer normal o uso da lingua galega en todo tipo de artes escénicas", dixo Oubiña.
O xurado formado polo mesmo Alberto Oubiña, por representantes da Editorial Kalandraka e membros da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, ambas premiadas na edición anterior, ou por Calros Solla Varela, nomeado premio Cidade de Pontevedra, entre outros, foi o encargado de outorgar estes recoñecementos que homenaxean a unha figura esencial na historia da lingua galega.