Danza e percusión para escolares con ritmo agrícola
Por Redacción
A Escola de Danza en Bruto desenvolverá un novo proxecto que busca combinar música, danza e baile a través dunha proposta que, por terceiro ano consecutivo, ofrecerá actividades relacinadas coa música a través da súa vinculación coa agricultura.
As actividades comezan este venres 12 cunha festa de Entroido, tal e como sinalou Marcelo González durante a presentación deste evento no Concello de Pontevedra durante a mañá deste xoves 11 en compañía da concelleira Anxos Riveiro. O promotor deste evento, xunto a Arancha Alfaia, indicou que o obxectivo da edición deste ano é mostrar aos escolares que labores e que cantos se empregaban para traballar nas tarefas do campo. A través das Aulas de poliños, pitiños e de granxa, os menores de entre 5 e 14 anos poderán descubri os segredos da música tradicional.
Os participantes terán que abonar 20 euros para intervir nestas actividades que se desenvolverán entre febreiro e xuño no Centro -Leste, situado nas proximidades do edificio da ONCE en Montecelo. A matrícula tamén poderá realizarse en días laborables neste espazo desde as 17.00 ata as 20.00 horas.
Ofértanse ao redor de 35 prazas para escolares que despois realizarán mostras da súa aprendizaxe nos terreos próximos ao Centro-Leste e entrarán en contacto con outros nenos da contorna a partir desta experiencia. Segundo Marcelo González, a idea pretende seguir creando folclore baseándose na tradición galega e buscando novas combinacións.