A Sala Karma quenta motores para o seu décimo aniversario cun concerto de Igor Paskual
Por Alejandro Espiño
En apenas un mes, a Sala Karma cumprirá dez anos como referente musical da oferta cultural da cidade de Pontevedra. Os seus responsables están a preparar unha ampla programación para festexar este aniversario. Pero como aperitivo, o seu escenario recibirá este sábado 13 de febreiro ao artista vasco Igor Paskual.
Neste concerto, que será ás dez da noite, Igor Paskual presentará o disco Tierra firme (DRO / Warner Music, 2015), un traballo de rock ecléctico, elegante, rotundo e sensible que utiliza o rock como unha terra firme desde a que foxe da ortodoxia e busca as afinidades e influencias que atesoura este escritor, compositor e guitarrista.
Trátase dun disco gravado en Xixón, xunto a Carlos Stro que produce o disco en Estudos Fase 4 e que inclúe temas como Tú y yo, Tierra firme ou no lado máis rock Alborada ou Nuevo cine español, que foron moi ben recibidos por público e crítica.
Igor Paskual iniciouse musicalmente en Babylon Chàt onde deu renda solta ás súas influencias glam-rock, e en 2003 formou parte de Loquillo y los Trogloditas. A súa relación con Loquillo segue ata hoxe, e converteuse nun dos seus mellores aliados, compoñendo moitas cancións xuntos e sendo o seu guitarrista de referencia.
Ademais, debutou como escritor en 2013 coa súa controvertida El arte de mentir (Difácil, 2013) e recentemente publicou Rugidos de gato (Efeeme, 2015) unha compilación de artigos musicais.
As entradas para este concerto pódense adquirir a través de Ticketea e, de forma física en Bullit Store e El Pequeño. Teñen un prezo de dez euros por anticipado e doce na billeteira.