Celeste Garrido reflexiona sobre o papel da muller cunha exposición no Manuel Torres
Por Redacción
O museo Manuel Torres acolle ata o próximo 4 de marzo a exposición Non son as miñas espiñas as que me defenden, na que a artista Celeste Garrido expón, a través dunha serie de instalacións, unha reflexión sobre a muller e sobre o que esta significa na sociedade.
O traballo que agora presenta, comisariado por Latamuda, é unha selección de obras realizadas nos últimos cinco anos e o proxecto específico Vanitas, que se mostra por primeira vez nesta exposición.
A exposición forma parte do ciclo Artistas de Marín, un ciclo que consiste na realización dunha mostra anual que destaca o traballo dos artistas máis destacados do Marín actual que empezou coas exposicións consecutivas de Ánxeles Iglesias e de Antón Sobral para seguir con esta última de Celeste Garrido.
Esta mostra pretende rescatar e revalorizar a obra da artista Celeste Garrido, cuxa traxectoria sobresae no eido das artes plásticas de Galicia polo seu labor na investigación e reflexión ao redor das relacións existentes entre o binomio arte-muller, figurando na actualidade como unha das máis destacadas artistas marinenses.
O proxecto está organizado polo Ateneo Santa Cecilia e conta coa participación de Antón Sobral, en calidade de asesor artístico do mesmo.
A mostra poderase visitar de martes a venres e de 18 a 21 horas e luns, sábados e domingos de 11 a 14 horas.