Alfombra vermella para Nani Matos e a súa 'Lurna'
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
O Teatro Principal despregaba a súa alfombra vermella este venres 15 para acoller a estrea da nova curtametraxe do director Nani Matos, un proxecto ambicioso e multicultural no que traballaron máis de cen persoas, entre persoal técnico e repartición artística.
A presentación de 'Lurna' encheu o patio de butacas coa presenza da actriz protagonista, a senegalesa Diaryatou Daff acompañada por numerosos representantes da asociación senegalesa en Pontevedra, Dioco. Ademais, outras caras coñecidas achegáronse ata o Teatro Principal. Actores moi populares polos seus traballos televisivos en series da TVG como Luís Iglesia, Miro Magariños, que forman parte da repartición, ou Maika Braña; as concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías ou o intendente-xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.
O propio Nani Matos exerceu de anfitrión do evento presentando a súa curta que comezou como un proxecto hai dous anos cando coñeceu esta historia a través dunha noticia e pensou que era necesario amosar a vida da protagonista para que non pasase desapercibida. A continuación, o público asistiu á proxección de 'Lurna', que conta a historia dunha inmigrante que soña cunha vida mellor. Na curta aparecen numerosos espazos reconocibles desde os xulgados da Parda ata o aeródromo de Godos, en Caldas de Reis, pasando pola avenida de Vigo, a contorna do Lérez ou a cidade infantil Príncipe Felipe.
Tras o pase que foi acollido con fortes aplausos, Nani Matos presentou ao presidente da asociación Dioco, Abdel Fata, ao artista senegalés, Bilal Traore e ao subinspector de estranxeiría Suso Conde. Tres persoas que resultaron fundamentais no asesoramento e a elaboración deste proxecto. Suso Conde indicou que hai moitas Lurnas que chegan a España e que a algunhas non é posible axudalas. Por sorte, á protagonista real na que está baseada a historia si puido atopar solucións á súa historia. Tras a súa intervención, Bilal Traore acompañado polo músico Bieito Álvarez recitou o poema 'África' como regalo sorpresa ao director da película.
Tras a proxección dun documental sobre como se fixo 'Lurna', a actriz Diaryatou Daff subiu ao escenario para falar sobre o seu traballo nesta curta e sinalar que a súa dura vida particular tamén daba para que un director recollese a súa historia e realizase unha longametraxe. Nani Matos chanceou asegurando que necesitaba descansar como director e recuperarse física, psíquica e economicamente de todo o traballo que supuxo este proxecto.
O acto concluíu con todo o equipo técnico e artístico sobre o escenario do Teatro Principal.
Relacionadas:
-
'Lurna', a curtametraxe de Nani Matos, finalista nos Premios Mestre Mateo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Nani Matos, mellor director galego no Curtas Film Fest por 'Lurna'
Por Redacción |
-
A curtametraxe pontevedresa 'Lurna' acada o premio á Mellor Actriz en Hendaia
Por Redacción |
-
Nani Matos estrea a curtametraxe 'Lurna' no Teatro Principal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |