Nani Matos estrea a curtametraxe 'Lurna' no Teatro Principal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O director Nani Matos presentará este venres 15 ás 21.00 horas a súa curtametraxe 'Lurna' no Teatro Principal de Pontevedra con entrada libre, unha película que se presentaba este xoves na Casa da Luz coa presenza do actor Xavier Deive e das concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías.
A curtametraxe conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país para buscar unha vida mellor. Con este arranque móstrasenos a realidade social da inmigración. O director sinala que "se trata dunha historia que non se podía contar a medias" e engadiu que este proxecto naceu dunha noticia que rematou converténdose en película.
Na rodaxe participou a asociación senegalesa Dioco de Pontevedra, que asistirá á estrea, e está protagonizada por Diaryatou Daff, que encabeza unha repartición no que destacan actores moi populares pola súa participación en series televisivas como Luís Iglesia, Xavier Deive, Humy Doado, Santi Prego, Miro Magariños e Xosé Manuel Esperante.
A pelicula forma parte dos proxectos que se acollen á Pontevedra Film Commission.