Davide Salvado, o 'lobo' que recupera a esencia da música tradicional galega
Por Alejandro Espiño
Sen banda. Só coa súa voz e unha pandereita. Así se presentou Davide Salvado este mércores en Pontevedra. Pero ao seu público non lle importou, todo o contrario. Porque a súa forma de cantar é hipnotizadora e a súa carismática presenza e o sentimento que mostra cada vez que interpreta unha das súas cancións son capaces, por si sós, de encher un auditorio, unha sala de concertos ou, como foi este o caso, unha pequena librería dunha cidade que coñece ben.
O artista marinense foi o protagonista dunha nova entrega do ciclo Músicas en Paz. Ata esta librería chegaba para presentar o seu último disco, Lobos, e manter un encontro íntimo e moi especial cun selecto grupo de espectadores.
"Facer os temas do disco sen a banda é tontería porque faltan moitas cousas", afirmaba pouco antes de empezar a interpretar unhas letras e unhas melodías que Davide Salvado está empeñado en rescatar da Galicia rural.
Así, optou por un repertorio "coas cancións que recollín e que teño na cabeza" e que lle ensinaron mulleres que foi coñecendo, ao longo de todos estes anos, en diferentes aldeas galegas como Moscoso (Pazos de Borbén), Gargamala (Mondariz) ou mesmo en pobos da Costa da Morte; e que pechou con varios temas de Lobos, entre eles, A vida.
Ademais, Davide Salvado foi intercalando na súa actuación pequenas reflexións sobre a vida, a música tradicional galega ou as orixes das súas cancións, todas elas vinculadas a fermosas experiencias con pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que lle ensinaron a ser quen é.
Ao remate deste concerto tan especial, o marinense atendeu tamén ás preguntas dos espectadores, maioritariamente mulleres, entre as que se atopaban algunhas das súas antigas alumnas.