Encontros: espectáculo con circo, teatro e danza no Pazo da Cultura
Por Redacción
Teatro/Circo para Bailarins, Circo/Danza para actores, Danza/Teatro para cirqueros... paiasos para todos os públicos.
Encontros é un espectáculo multidisciplinar, onde o teatro físico, a danza e o novo circo se conxugan para crear un código propio de expresión, un punto de partida para comunicar, para contar ao público as inquedanzas que nos invaden.
A comedia e o virtuosismo forman parte desta montaxe ecléctica que xurde do encontro de dúas persoas, tócanse, úlense, séntense, e comezan o seu camiñar, xuntos. As habilidades físicas e interpretativas dos actores da compañía Lusco e Fusco serán o lenzo no cal as emocións debuxan a historia, sinxela, expoñendo dende a bondade máis verdadeira ata a maldade máis extrema.
Danza, acrobacia, equilibrios, manipulación de obxectos e xogos malabares estarán ao servizo da narración teatral. Serán as ferramentas que usarán os artistas para acompañar ao espectador neste percorrido polo acto da comunicación entre dúas persoas.
A cita é ás 19:30 h. no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Prezo: 8 e 5 (Menores, estudantes, parados e xubilados) Venda anticipada de entradas en servinova.com