Dez autores recollen nun libro a "historia invisible" das mulleres de Pontevedra
Por Redacción
O programa A memoria das mulleres segue a dar os seus froitos. O último traballo que nace no seo desta iniciativa é o libro Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra, que foi presentado en sociedade na tarde deste mércores na Casa da Luz.
Trátase dunha obra colectiva que fai un repaso á vida de moitas mulleres que foron relevantes para constituír a sociedade na que vivimos, porque tal e como se destacou na presentación, Pontevedra non sería a mesma sen as mulleres protagonistas dun libro que contou coa participación de dez autoras e autores.
Na publicación atópanse artigos de María Xesús López Escudeiro, que fai un repaso ás pioneiras, heterodoxas e rebeldes como protagonistas da historia; Carme Vidal, que conta a vida de artistas, músicas e escritoras como mulleres creadoras con nome propio; ou María Victoria Martíns Rodríguez, que amosa a vinculación entre a muller e a educación, facendo especial fincapé na incorporación das mulleres ao ensino ao longo dos séculos XIX e XX.
A máis crúa realidade pódese ler nos artigos de Xosé Álvarez e Montse Fajardo, que versan sobre as mulleres de Pontevedra que sufriron a represión franquista e que sobreviviron a ela; un percorrido pola memoria, a resistencia e as redes de solidariedade, contadas a través do testemuño das vítimas e as familias.
Pola súa banda, Ana Cabana Iglesia expón como se viviu a protesta social contra o pago da cota das Hermandades Sindicais de Labradores e Gandeiros, Mario Gallego afonda sobre as palilleiras pontevedresas ao longo da historia e Ramón Rozas lembra as vidas de catro mulleres destacadas no sector servizos como foron Clara López, de Almacenes Clarita; a taxista Dolores Trabado; María Luísa Olañeta Barros (María a do Carrillo); e Dolores Calviño, a señora Lola.
Os dous últimos epígrafes son de María Abelleira Fontán, que amosa unhas mulleres traballadoras que foron quen de termar da terra, do ceo e do mar co seu traballo na casa, na facenda, nas fábricas ou nos servizos urbanos e de Ana Acuña, que relata a visión de Sabino Torres sobre as prostitutas da Moureira, desvelando asentamentos, espazos e nomes.
Ademais das fotografías ilustrativas de cada un dos epígrafes, inclúese unha reportaxe fotográfica sobre a exposición ‘Do gris ao violeta’, que durante máis de dous meses estivo entre a Praza da Ferraría, a Praza de Ourense e o Paseo de Odriozola e que foi visitada por centos de alumnos de colexios e institutos do concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
RADIO.- Aquelas dependentas "dependentes"
Por Marisa Ciordia |
-
A Pontevedra da loita obreira represaliada no Franquismo retorna do silencio
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no mes da memoria histórica
Por Mónica Patxot |
-
Vilagarcía fai memoria da represión franquista 80 anos despois
Por Redacción |
-
Pontevedra rende unha sentida homenaxe ás mulleres represaliadas durante o franquismo
Por Redacción |
-
"As mazás do cesto que teceu Montse abandonan o silencio"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
16 mulleres emblemáticas de Pontevedra fanse visibles na Praza de Ourense
Por Redacción |