'El desconocido' de Dani de la Torre abrirá o Master Class do Audiovisual Galego o próximo martes 15
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A película 'El desconocido', o gran éxito deste ano dentro do audiovisual galego, será a encargada de iniciar a quinta edición de AUGAL, o Master Class do Audiovisual que se vai desenvolver ata abril do próximo ano na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus pontevedrés.
Ao longo de sete sesións mostraranse ata dez títulos de producións galegas en distintos formatos como longametraxes, curtos, webseries e publicidade coa presenza de 22 profesionais nestas xornadas, tanto guionistas, produtores como directores de proxectos audiovisuais.
Este mércores 9 presentábase na Casa das Campás esta edición coa presenza de Miguel Anxo Fernández, un dos coordinadores do master xunto á profesora Anna Amorós; de Beatriz Legerén, vicedecana de Ciencias Sociais e de Jacobo Sutil, director do Agadic.
O martes 15 de decembro a partir das 16.00 horas, o director Dani da Torre e a produtora Enma Lustres, responsables do éxito de 'El desconocido' ofrecerán unha charla no AUGAL e un debate posterior á proxección da película 'El desconocido' protagonizada por Luís Tosar e Goya Toledo.
As xornadas continuarán o 15 de febreiro cun repaso pola publicidade da TVG. O 23 de febreiro chegará a oportunidade de ver o documental 'Os días afogados' e de dialogar co director César Souto, o produtor Iván Patiño e o guionista Luís Avilés. O 1 de marzo proxectarase 'O arca de Noé', presentada por David Valero e por Sergio Frade, director e produtor da película.
O 8 de marzo desenvolverase unha sesión especial dedicada a curtametraxes e webseries na que se ofrecerán os seguintes títulos: 'Estereoscopia', 'Serendipia', 'Nacer en setembro' e 'Vento ferido'.
O 15 de marzo continuará o ciclo coa presentación de 'Lobos sucios', a ópera prima de Simón Casal. Os profesores de Fotografía Jorge Lens e Carlos Soutelo realizarán retratos artísticos de todos os profesionais que intervirán neste máster cos que levarán a cabo unha futura exposición.
O AUGAL terminará o 5 de abril cunha conferencia do produtor, director e guionista Ángel da Cruz sobre a animación en Galicia.
A inscrición para este máster é gratuíta tanto para estudantes como para público en xeral e xa se pode realizar a través da páxina do Agadic ou na web da Universidade de Vigo.