Ignacio Camacho e Luís Pousa xa teñen os seus premios Julio Camba e Fernández del Riego
Por Cristina Saiz
Ignacio Camacho e Luís Pousa pasaron desde este martes para engrosar a lista de recoñecidos nos premios de xornalismo Julio Camba e Fernández del Riego. Foi tras un acto de entrega celebrado no Café Moderno en Pontevedra no que, ademais dos premiados, os protagonistas foron Afundación e o Corte Inglés, as dúas institucións que conceden os galardóns.
Ignacio Camacho recibiu o XXXVI Premio de Xornalismo Julio Camba polo texto Betty, publicado en ABC o 14 de agosto de 2014. Trátase dun texto evocativo sobre a figura de Lauren Bacall, á que "o guion da súa vida non concedeu un só plano á decadencia; envelleceu con dignidade soberbia, coa lucidez, a nobreza moral e o porte físico dunha vestal que conservaba nos seus recordos o testemuño inmarcesible dun tempo dourado", escribe Camacho no texto premiado.
O XII Premio de Xornalismo Fernández del Riego levouno Luís Pousa polo seu artigo titulado Galicias, publicado en La Voz de Galicia o 25 de xullo de 2014. É un canto á identidade galega, como di o seu propio autor, un canto ás mil Galicias que existen en cada un de nós, aos múltiples valores que enriquecen esta terra que "cada 25 de xullo renace das súas cinzas".
No acto de entrega estiveron presentes o presidente, secretario e vogal do xurado dos premios, Alfredo Conde, Carlos Vale e Víctor Freixanes.
Os responsables de Afundación quixeron recoñecer o xornalismo como un oficio que "é capaz de xerar pensamento e que por tanto pode mover conciencias e educar corazóns".
Na súa opinión, "a obxectividade, a veracidade, o rigor e a prudencia xunto co respecto ao pluralismo, a independencia, a equidade e imparcialidade, a precisión e a humanidade, entre outros, son os principios básicos nos que se ten que sustentar esta ética xornalística que ten nas súas mans a capacidade de influenciar na intelixencia emocional e no pensamento cognitivo das sociedades".