Juan Tamariz: "Magia Potagia é un espectáculo para o adulto que conserva un neno dentro"
Por Marisa Ciordia
Juan Tamariz é ilusionista por vocación desde a máis temperá idade. Leva máis de corenta anos percorrendo o mundo con e pola maxia e espera continuar outros tantos máis. Este venres 27 volve ao Pazo da Cultura de Pontevedra co espectáculo "Magia Potagia". O mesmo nome que tiña un dos seus moitos programas televisivos, naquel caso compartido con outro mago, Pepe Carrol, para o que Tamariz ten palabras de absoluto eloxio. A actuación está dirixida sobre todo ao público adulto, pero ao público adulto que conserva un neno dentro.
"Magia Potagia" é unha selección de xogos de maxia xa presentados en anteriores ocasións, pero tamén inclúe novidades. Esta parte leva a nomear ao seu parella Consuelo Lorgia coa que comparte escenario.
Consuelo é unha maga colombiana extraordinaria que achega un estilo de maxia que é moi persoal. Mesmo me dixo que imos interactuar xuntos e que fará algo de transmisión de telepatía, con elegancia e moita comedia.
Falar de telepatía xunto a túa parella sentimental, sobre un escenario como o leva?
Ahhhhh! Cando facemos este número todos aplauden, pero ninguén sabe o duro que é vivir con alguén que che le o pensamento.
Maxia, telepatía, humor...unha mestura servida durante algo máis dunha hora, que Juan Tamariz recomenda ao público pontevedrés:
Eu máis ben pediríalles que non veñan se non teñen ganas de divertirse, de gozar, de ilusionarse, de emocionarse... Se prefiren quedarse na casa chorando que queden; pero se veñen van saír co corazón cheo de alegría, de emoción e de ilusión. Iso seguro.
Cambiando de tema, pero coa maxia presente. En 2011 recibiu a Medalla de Ouro ao mérito en Belas Artes. Na súa resposta deixa latente a modestia que lle acompaña:
Eu non son moi amigo dos premios. Hai premios que che dan que son o recoñecemento a un traballo, a dedicarlle moito tempo, moito amor, moita paixón ao teu e iso agradézoo moito cando o dan. Deste premio o que me gustou moito é que entendan que a maxia é unha arte bellísima, porque cando empecei estaba considerada só como un espectáculo infantil. E pode ser un espectáculo infantil pero tamén para todos. Iso gustoume moito.
"Magia Potagia" comezará ás 21.00 horas. A partir dese momento: "Chaaaaaannnnnn tiaaaraaaaraaaaaaa".