Intriga en vivo nun venres moi golfo no Teatro Principal
Por Cristina Saiz
Todo o atractivo do ciclo Ponteatro, pero a unha hora máis golfa do habitual, cando só falta un minuto para a hora máxica da medianoite. Esta é a proposta dos Venres Golfos do Teatro Principal de Ponteveda, que este venres ofreceu aos espectadores unha noite de intriga da man de Cinema Sticado e a súa 'Strpts'.
A actuación, que forma parte do ciclo Ponteatro, ofreceu unha proposta de ocio teatral diferente, a técnica de cinema en vivo, sen material audiovisual pregravado. Sobre o escenario presentouse un universo en miniatura feito de cartón reciclado para contar cunha estética particular un mundo de intriga, corrupción, asasinatos e. como remate, unha fuxida inesperada.
A intriga foise tecendo en vivo e en directo e foise retransmitindo ‘in situ’ en tempo real nunha gran pantalla nunha proposta teatral que incluíu os elementos propios da performance mesturados coa poesía visual, uns monicreques e animación en vivo no escenario.
A deste venres foi a segunda e última entrega dos Venres Golfos, pero Ponteatro aínda ten dúas novas citas. 'Noiteboa' de Redrum Teatro representarase o 10 de decembro cun reparto formado por Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo. Pechará o ciclo a montaxe 'Waltz' de Voadora o 17 de decembro, outro traballo desta innovadora compañía que ofrece un musical no que a vida se reflexa coma un salón de baile.
Relacionadas:
-
Ponteatro 2015 pecha cun aumento do 60% nos espectadores
Por Redacción |
-
Mofa e Befa volven ás orixes este xoves con 'Bobas & Galegas' e 160 almofadas no escenario
Por Redacción |
-
Segundo asalto de Ponteatro da man de 'Perplexo', unha comedia delirante e contemporánea
Por Redacción |
-
Venres de sesións golfas para o ciclo de Ponteatro no Principal
Por Anxo Lourido |