Os escolares pontevedreses descubrirán que é un Odaiko
Por Redacción
Os vindeiros luns e martes, 21 e 22 de xaneiro, Novacaixagalicia ofrecerá aos escolares da cidade de Pontevedra a oportunidade de gozaren dun dos espectáculos máis curiosos e simpáticos en que a percusión e a dramaturxia se complementan creando unha atmosfera máxica: Odaiko nas escolas.
O bo quefacer dos componentes, Juan Collazo, Félix Rodríguez, Francisco Troncoso e Antonio Ocampo, conseguirá que os tres mil cincocentos rapaces e rapazas que van asistir ás funcións teñan a lembranza dun espectáculo inesquecible.
A asistencia dos trinta e oito centros escolares producirase en dúas quendas: unha ás 10:00 e outra ás 12:00 h no auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra.
Neste proxecto didáctico, Odaiko fará un percorrido musical pola historia da humanidade desde os seus inicios, centrándose especialmente na relación existente desde sempre entre o ser humano e o mundo da percusión.
Acompañados por un narrador en off, Odaiko propón unha divertida escenificación en directo, chea de ritmos e sons da percusión moderna, onde a imaxinación, a creatividade e a curiosidade polas distintas manifestacións artísticas, son os puntos clave.
Odaiko Percussion Group toma o seu nome do odaiko, unha variante moi voluminosa do tambor tradicional xaponés, o taiko. Con case 1,2 metros de diámetro e 1,5 de profundidade, un odaiko chega a requirir a participación de tres persoas para ser tocado.