The Pinker Tones poñen música en Pontevedra ás aventuras polares de Rolf e Flor
Por Redacción & Cristina Saiz
O Festival das Cóxegas debutou con gran éxito en Pontevedra. Centos de persoas de todas as idades achegáronse este domingo ao Pazo da Cultura para asistir á representación de Rolf & Flor en el círculo polar, un espectáculo musical creado pola banda catalá The Pinker Tones.
Os pontevedreses puideron gozar desta proposta pensada para o público familiar e en formato acústico, centrado na pegadiza mestura de música electrónica, pop, dance, indie e lounge que caracteriza a The Pinker Tones.
A través das súas cancións, narraron a historia de Rolf, un neno de Barcelona, e Flor, unha nena de Nova York, que teñen vidas paralelas sen sabelo. Ao coñecerse, descobren que son almas xemelgas e viven numerosas aventuras.
Este concerto en trío foi interpretado por por Míster Furia (voz, harmónica, melódica, kazoo e ukelele), Profesor Manso (percusión, glockenspiel e voz) e Dj Neno (guitarra e voz).
A próxima cita co Festival das Cóxegas será o 15 de novembro. A compañía de Roberto G. Alonso mostrará o seu espectáculo Simplicissimus, a primeira revista musical infantil e familiar.
Inspirado nas revistas brancas de mediados do século pasado, rememora en clave dancística todos aqueles números musicais e humorísticos que formaban o universo particular, divertido e anárquico do xénero. Toda unha homenaxe ás varietés, aos tempos dos teatros de madeira e aos decorados de papel pintado.
Relacionadas:
-
'El sastrecillo valiente' pon o broche de ouro á primeira edición do Festival das Cóxegas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
'Simplicissimus', a primeira revista de variedades infantil, o domingo no Festival das Cóxegas
Por Redacción |
-
"Rolf & Flor" e The Pinker Tones, primeiros protagonistas do Festival das Cóxegas en Pontevedra
Por Redacción |
-
Xa están á venda as entradas para os catro espectáculos do Festival das Cóxegas
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival das Cóxegas, nova proposta cultural para o outono pontevedrés
Por Alejandro Espiño |