Nélida Piñón, Jesús Castro e o compromiso coa cultura galega
Por Redacción
Jesús Castro Yáñez xa ten o seu 'Nélida Piñón' en casa. O escritor resultou gañador do primeiro premio de relato breve Nélida Piñón pola súa obra 'O vello e o minotauro' e este luns recibiu formalmente o galardón nun acto celebrado en Cotobade.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu a entrega nun acto ao que asistiu a propia Nélida Piñón e eloxiou o compromiso e apoio desta autora á cultura galega, que agora se ve reflectido nun premio co seu nome que "forma parte xa dos estreitos vencellos que unen Galicia cunha figura fundamental na escrita do noso tempo".
Román Rodríguez agradeceu á escritora o seu esforzo por reforzar os lazos que a manteñen unida coa comunidade en xeral e con Cotobade en particular, concello que a nomeou filla adoptiva no ano 2005 debido ás raíces familiares que mantén con este municipio. Nese mesmo ano recibiu o premio Príncipe de Asturias das Letras e, máis recentemente, o 27 de setembro do ano pasado, ingresou como membro de honra na Real Academia Galega.
Este premio tamén pretende estimular a produción literaria das escritoras e escritores galegos e o conselleiro felicitou a Xesús Castro e mostrouse convencido de que este galardón "vai contribuír á súa traxectoria literaria". Gabou a obra 'O vello e o Minotauro', que foi editada tras impoñerse entre as 180 que se presentaron ao certame. O relato é unha reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.
O certame, dotado con 6.000 euros, está organizado polo propio Concello de Cotobade en colaboración coa Consellería e a Deputación de Pontevedra, de modo que o acto estivo co presidido polo alcalde, Jorge Cubela, e a presidenta provincial, Carmela Silva.
Relacionadas:
-
Máis de medio cento de traballos optan ao II premio Nélida Piñón de relato breve
Por Redacción |
-
A Deputación e a Xunta manteñen a colaboración nos certames 'Nélida Piñón' e 'Francisco Asorey'
Por Redacción |
-
A casa do pobo de Borela pasará a chamarse Casa Cultura Nélida Piñón
Por Redacción |
-
"O vello e o minotauro" de Jesús Castro Yáñez gaña o primeiro premio de relato breve "Nélida Piñón"
Por Redacción |
-
Xesús Vázquez respalda en Cotobade o I Certame de Relato Breve 'Nélida Piñón'
Por Redacción |
-
Cotobade convoca o I premio literario de relatos breves Nélida Piñón
Por Redacción |