O 'Presidente' chamou á porta do Teatro Principal para denunciar a manipulación política
Por Diego Torrado
O actor Celso Parada encarnou durante a noite deste xoves no Teatro Principal de Pontevedra ao presidente Mario Sánchez, que decide facer unha visita directa aos cidadáns para pedirlle o voto ante as enquisas desfavorables antes das eleccións.
Trátase da primeira representación dentro do ciclo Ponteatro, que se desenvolve ao longo dos vindeiros meses ofrecendo as mellores montaxes do teatro galego deste ano.
Numeroso público asistiu a esta función de 'Presidente' de Teatro do Morcego, unha comedia onde se recolle a manipulación política en clave de humor e que provoca a reflexión do público sobre as estratexias electorais.
A seguinte función de Ponteatro será o 22 de outubro co espectáculo 'Perplexo' de Ilmaquinario Teatro ás 21.00 horas. Ao día seguinte terá lugar a primeira función dos venres golfos coa obra 'Psicópata' de Antón Coucheiro a partir das 23.59 no Teatro Principal.