O debuxante Luis Davila imparte un obradoiro de ilustración
Por Redacción
O debuxante Luis Davila impartirá un obradoiro de ilustración o vindeiro xoves, 8 de outubro, ás 18 horas na biblioteca de Bueu. Os interesados poderán anotarse gratuitamente no correo lobocoxo@gmail.com.
Este obradoiro, no que o coñecido ilustrador do ‘Bichero’ falará da iniciación das técnicas do cómic nunha ou en varias viñetas, está enmarcado dentro da campaña de animación á lectura “Navegando entre libros” posta en marcha polo Concello de Bueu en colaboración coa Xunta de Galicia, e desenvolvida polo espazo infantil buenense Lobocoxo.
Ademais desta actividade ‘estrela’, ata o 15 de outubro continúan as actividades para animar aos máis pequenos a ler e a compartir as súas vivencias lectoras coas bibliotecas da vila. O mércores ás 18 horas, a biblioteca de Beluso será escenario dunha sesión dunha hora de Contapintacontos a cargo de Olalla González e o ilustrador Marc Taeger de Lobocoxo, deixando paso o sábado á biblioteca de Cela, na que se celebrará esta mesma actividade ás 12 horas.
A campaña pecharase o 15 de outubro ás 18 horas na biblioteca de Bueu, na que se non chove se agardan novidades na actividade de Contapintacontos. Esta actividade consiste en sesións dunha hora nas que se van contando contos mentres Marc Taeger vai debuxando en directo o que lle suxiren as historias. Así, o que se consegue é unha mestura exemplar entre a lectura, a escoita e a pintura.