O outono chega a Barro cunha completa axenda cultural
Por Oskar Viéitez
Os días 2, 3 e 4 de outubro celébrase San Breixo no Campo da Festa, o mesmo enclave que os días 9 e 10 acollerá a Festa da Xuventude, que organiza a asociación cultural "A Verbena".
Este sábado 3 de outubro iníciase un taller de creación audiovisual impartido por Diana López e Pablo Cacheda, que terá continuidade o 9, 16 e 17.
A axenda cultural do outono en Barro sinala para os días 11 e 18 os actos que os comuneiros de Perdecanai organizan no templo parroquial baixo o título xenérico "As campás cantan e bailan" e que inclúen unha conferencia e un concerto de música de cámara.
Ademais o día 24 na Biblioteca Pública haberá "Contos en rede" a cargo de Ignacio Vilariño que traerá "A Saia de Carolina".
E o 31 é Samaín e a Asociación Cultural Barosa montará unha festa con concurso de cabazas e películas de medo no Pazo da Crega.
O mes de novembro inclúe un concerto da Banda Xuvenil de Barro na nave da Escola Taller, será o día 14. O concerto servirá como un preludio da súa participación no Certame provincial de Bandas que terá lugar o día 22 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Seguindo coa programación cultural de Barro, o 15 na Igrexa de Agudelo continúa o ciclo "Música nas parroquias" que virá acompañado dun magosto. A escritora Iria Collazo presentará na Biblioteca o seu libro "Como unha áncora".
A igrexa de Valiñas acollerá o día 28 outra das paradas do ciclo Música nas parroquias.
O mes de novembro remata co Festival solidario "Os sons de Barro". Previsto para o día 29 na Escola taller.
Finalmente, celebrarase un concerto na Igrexa de San Xosé de Porráns, un taller de memoria e o concurso gastronómico "Barro de tapas".