Nova etapa para o Cineclub de Bueu que se abre á proxección de películas actuais
Por Redacción
O Cineclub Bueu abre unha nova etapa. Tras dezaseis anos amosando semanalmente as grandes películas da historia do cine, abrirá a súa actividade á proxección de filmes máis actuais e o fará cunha periodicidade mensual.
Os 'Sábados de cine', nome que recibirán estas proxeccións, darán comezo en outubro e desenvolveranse unha vez ao mes no Centro Social do Mar en sesión dobre, unha pola tarde dobrada ao castelán e outra pola noite en versión orixinal subtitulada. O primeiro filme en exhibirse será a película iraniana Nader e Simin, unha separación, dirixida por AsgharFarhadi, que se pasará o 3 de outubro ás 19.30 e ás 22 horas.
O obxectivo de renovar o formato e o contido da programación é "facer accesible a un público máis numeroso cinema de calidade que adoita ficar á marxe dos circuítos comerciais", segundo sinala o seu director e programador, Manuel Pena.
Como norma xeral, as películas seleccionadas terán unha antigüidade máxima de dous anos e virán avaladas tanto pola crítica como polos premios recibidos.
Co fin de que esta oferta sexa sostible no tempo, o Cineclub Bueu abrirá as súas portas tanto a aquelas persoas que queiran participar na organización como ás que desexen facerse socias e obter así un desconto nas proxeccións.
O custo de cada pase será de dous euros para os espectadores socios e de 3,50 euros para os non socios. A cota anual sitúase en 15 euros, aínda que se hai varios membros da mesma familia só un a paga de xeito íntegro e polos demais súmanse cinco euros.
As persoas que queiran asociarse ou simplemente recibir a programación mensual poden solicitalo na entrada o día de proxección, a través das redes sociais ou no enderezo electrónico cineclubueu@gmail.com.