Unha exposición de banda deseñada, primeira actividade da nova etapa do Ateneo de Marín
Por Redacción
O Ateneo Santa Cecilia de Marín, presidido agora por Lois González Dopazo, inicia unha nova etapa co obxectivo de poñer en marcha un conxunto de iniciativas que dinamicen a cultura do concello. Exposicións de arte, presentacións de libros, cursos de formación para público infantil e adulto, música, cine, teatro ou fotografía forman parte desta oferta cultural.
Un dos obxectivos principais da nova xunta directiva será o mantemento das tradicións coa Festa dos Maios, o Enterro da Sardiña e a Danza de Espadas, esta última no marco do Padroado San Miguel. Tamén se desenvolverán actividades específicas relacionadas co Día das Letras Galegas, o patrimonio de Marín e a natureza.
En canto aos cursos, que comezarán nas próximas semanas, destacan os diferentes instrumentos que forman parte da Escola de Música de Banda, xunto con gaita para adultos e nenos, guitarra e combo, acordeón, teatro e talla en madeira. O prazo de inscrición para os cursos abrirase a partir do 1 de setembro e é imprescindible ser socio do Ateneo
Ademais, o Ateneo Santa Cecilia recuperará a actividade do Cineclub, co lema “Xoves de Cine”, que proxectará dúas películas mensuais na Biblioteca Municipal Vidal Pazos; e a partir do mes do outubro poranse en marcha os “Venres do Ateneo”, un ciclo aberto ao público que incluirá actuacións musicais, contacontos e monólogos, entre outros espectáculos.
PRIMEIRA EXPOSICIÓN
Nacho Ruiz é o artista de banda deseñada que protagonizará a primeira exposición da nova tempada, que se vai inaugurar este luns 31 de agosto ás 20:30 horas, cunha demostración de debuxo a cargo do propio autor e a proxección dunha curtametraxe titulada Todo un personaxe. Durante os próximos 15 días, a súa obra poderase visitar en horario de 17:00 a 21:00 horas.
Nacido en Vigo en 1969, este debuxante formado nas Facultades de Belas Artes de Pontevedra e Barcelona, expuxo en diversas salas de Galicia e do resto de España e Portugal. Actualmente imparte clases de Plástica e Debuxo en institutos da provincia.
Esta é a súa primeira exposición como debuxante de cómic e nela poderanse atopar unha selección de pranchas orixinais dunha novela gráfica na que o autor leva traballando dende os últimos anos: está ambientada no século XVI, cun personaxe europeo que irrompe no continente americano.
A exposición complétase con bosquexos, debuxos e cómics baseados no argumento da curtametraxe.