Baobab, unha entre mil na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León
Por Redacción
A compañía pontevedresa Baobab Teatro representará este xoves a súa obra 'Luppo' na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León 2015. A feira celébrase do 25 ao 29 de agosto en Ciudad Rodrigo (Salamanca), pero a representación dos pontevedreses será ás 11.00 horas deste xoves 27 no Teatro Nuevo Fernando Arrabal.
A proposta de Baobab é unha das 36 obras seleccionadas de entre máis de 1.000 propostas nacionais e internacionais recibidas pola organización desta feira teatral, segundo informa a compañía. Nesta edición, daranse cita compañías españolas e doutros países europeos, abarcando os máis variados xéneros e estilos: teatro clásico, rúa, musical, danza, teatro de obxectos…
A feira, que este ano alcanza a súa 18 edición, é unha das máis importantes de España e todo un referente a nivel internacional, de aí a satisfacción de Baobab Teatro de poder formar parte da programación.
'Luppo', que se estreou no último Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, é un espectáculo de sentimentos e emocións pensado para adultos e pequenos a partir de 4 anos, que fala do ciclo da vida, do apego coas persoas, da relación cos nosos veciños e maiores e da importancia das historias que construímos ao longo da nosa existencia.
Baixo a dirección de Óscar Ferreira, en 'Luppo' suben ao escenario a actriz e dramaturga Andrea Bayer e o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son; Óscar Ferreira e Juan Silva, da escenografía; e o guión é de Andrea Bayer.
Relacionadas:
-
Baobab Teatro, seleccionada entre mil compañías para a XX Feira de Teatro de Castilla y León
Por Redacción |
-
Baobab Teatro acada o premio ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León
Por Redacción |
-
Baobab estrea con éxito "Luppo", o seu novo espectáculo, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción & Mónica Patxot |