Pintura e poesía danse cita na exposición 'Caderno do mar' en Bueu
Por Redacción
Poesía e pintura mesturadas co mar como elemento esencial e catalizador. Iso é o que atoparán ata o domingo 9 de agosto as persoas que acudan á sala Domínguez Búa de Bueu, na que está instalada a exposición ''Caderno do mar'.
A mostra é, segundo o Concello de Bueu, "unha pequena cata dun proxecto que naceu como unha unión entre poesía e pintura" que se inaugurou este luns cun acto no que a música do grupo marinense Mardefora se foi alternando co recital de varios textos de prosa e poesía da man de Francisco Rodríguez Pastoriza, Antón Sobral e Xaime Toxo.
O concelleiro de Cultura de Bueu, Carlos Eirea, falou do Concello de Bueu coma “un facilitador de que certos actos teñan lugar na nosa vila” mentres os participantes se mostraron satisfeitos coa gran afluencia de público á inauguración, que encheu a sala.