Os Novos Valores 2015 ocupan o Sexto Edificio do Museo con 36 obras
Por Redacción
A mostra Novos Valores 2015 ocupará dende este venres a sala de exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra coas 36 obras seleccionadas polo xurado das 104 que se presentaron a este certame de artistas noveles.
A creación que recibiu o primeiro premio é unha escultura de Nerea Lores Acuña (Serie s/t, Partitura) ; o segundo foi para o vídeo de Borja Santomé Rodríguez (Historia cerebro); os terceiros para a fotografía de Cristina Durán Martínez (s/t. Serie retratos) e para a peza de Iatir Fernández Pidal (Vacuo Silencio); os cuartos foron un gravado de María José Prada Rodríguez (Le pli), unha escultura de Pablo Rodríguez Barreiro (s/t. Serie Empilhamentos) e unha pintura de Aarón Sanromán Comesaña (Contenibles I).
O primeiro premio está dotado con 4.000 euros, o segundo con 3.000 euros, cada un dos dos terceiros premios con 2.000 euros e cada un dos tres cuartos premios con 1.000 euros.
Durante unha visita á montaxe da exposición realizada este xoves, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, indicou que é "preciso por en valor este tipo de certames para que xurdan novos artistas entre a xente xoven e tamén aquela que aporte novidades nas artes plásticas e se poidan consolidar no futuro". Leal salientou a importancia do Museo e da Deputación no fomento dos novos artistas e subliñou a excelente relación da institución coa Facultade de Belas Artes, da que saíron varios dos premiados.
A comisaria da exposición, Begoña Fernández Lorenzo, destacou a importancia de poñer en valor as obras destes artistas, xa que en moitos casos son os seus primeiros traballos, pezas de máster ou feitas durante os seus estudos. "Dámoslle a categoría de obra de arte. O Museo valora e apoia a estes artistas montanto as obras para darlles ánimos de seguir adiante", apuntou.
A exposición Novos Valores 2015 estará aberta ao público dende o xoves 31 de xullo ata o 30 de agosto. A súa inauguración será ás oito da tarde.