Supersweet, unha banda tributo ao grupo The Who, abrirá o ano 2013 na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Supersweet, unha banda tributo ao grupo The Who, será a encargada de inaugurar o ano musical da Sala Karma. Será cun concerto que se celebrará o vindeiro sábado 12 de xaneiro ás 22:30 horas. Nel, este espectacular trío atrévese sen ningún complexo a interpretar íntegramente a primeira ópera rock: Tommy, unha esixente e emocionante obra da mítica banda inglesa.
O álbum orixinal foi gravado en estudo e publicado en 1969, aínda que Supersweet basea a súa interpretación no directo gravado polos propios The Who na Universidade de Leeds en 1970, unha versión que, a xuízo dos donostiarras, "ten un equilibrio máxico entre a enerxía do rock, os sons garaxeiros de finais dos 60 e a súa complexidade harmónica, que queda aínda afastada do rock progresivo".
Supersweet xorde das raíces da escola Buenavista, de bandas como Señor Non, Chico Boom, Small Things, Fivelives, e contan con 20 anos de experiencia, numerosas publicacións e centos de concertos ás súas costas. Agora, tras unha longa xira presentando o seu último traballo, The Hereafter, atrévense a homenaxear unha das súas bandas de referencia.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de seis euros, pódense adquirir no Pequeno Karma ou na propia sala.