Gonzo, en Vespa pola Ferrería
Por Alejandro Espiño
Se xa resulta curioso ver circular unha Vespa pola Ferrería, moito máis se resulta que o seu condutor é unha persoa tan coñecida como Fernando González ‘Gonzo’, o xornalista vigués ao que podemos ver diariamente no programa El Intermedio de laSexta. A pesar de que estivo alí pouco máis de vinte minutos, non logrou pasar desapercibido para todos os pontevedreses que, a mediodía deste luns, pasaban por esta céntrica praza.
A súa presenza en Pontevedra non tiña nada que ver co seu traballo ao lado de El Gran Wyoming, pero si coa súa faceta audiovisual. Gonzo, acompañado do equipo técnico de FAINO estudo, estivo gravando escenas para o documental O meu avó tiña unha igual, "que vai sobre xente que conduce Vespas desde o ano en que chegaron a Galicia, alá polos anos 50", explicou o xornalista a PontevedraViva.
"Estamos facendo un percorrido por cidades e, sobre todo, por xente que ten moita vida con isto das Vespas", afirmou Gonzo que exerce como condutor desta 'road-movie' documental. Ademais deste paseo pola Ferrería, a gravación trasladouse tamén a un taller situado preto da estación de tren onde traballa un home "que ten moitas historias de Vespas, porque ten amañado algunha durante estes anos".
Aos pontevedreses sorprendeulles o look de Gonzo nun día de verán tan caloroso, unha chaqueta de la de estilo setentero que vestía por cuestións de guión. "Como diría o meu xefe en El Intermedio, eu poño o meu corpo e o meu intelecto a disposición do guión", bromeou ao explicar o seu papel neste traballo audiovisual, dirixido por Rafael Álvarez a partir dunha idea de Pablo Osorio, que leva anos sacando á luz historias e fotografías destes vehículos.
Ademais deste paseo pola Ferrería, a gravación trasladouse tamén a un taller situado preto da estación de tren
A rodaxe comezou a pasada primavera, pero o documental comezou a xerarse moito antes. Comentáronme o ano pasado que había esta idea e me dixeron si me gustaría facelo e non o dubidei", explica Gonzo. "A historia encántame, o que imos contar é moi fermoso e, sobre todo, apetecíame traballar en galego e con produción de aquí". El achega, segundo o seu equipo, carisma e proximidade, facendo que as entrevistas sexan máis ben conversacións de ti a ti.
Trátase dun traballo que, recoñece, "está sendo moi enriquecedor" e que lle permite coñecer historias "fascinantes" como as de carteiros ou médicos rurais que se movían nestas motos ou xente que "descubriu o mundo grazas a ela" e que tras casarse fixeron a viaxe de noivos subida nunha Vespa. "Permitemos viaxar a unha época na que a vontade e o inxeño era o único xeito de poder vivir experiencias novas porque a vida cotiá non che daba a posibilidade".
O VENRES, DE NOVO EN PONTEVEDRA
Este luns non foi o único día no que Gonzo estará en Pontevedra esta semana. Volverá o venres 10 de xullo, día no que presentará o seu libro Todo por mi país (Planeta, 2015). Será ás sete da tarde na libraría Cronopios. Segundo o xornalista, se trata dun "pequeno exercicio de cabreo documentado", unha revisión da vida dos nosos políticos a través do que se publicou sobre eles "pero quitándolle a palla polo medio".
A Gonzo gústalle describilo, di, como "unha visita a un zoolóxico da corrupción moral". E é que asegura que moitos dos políticos e historias que aparecen neste libro "representan a utilización da política nun sentido totalmente diferente ao que debería ter, que é a representación e a defensa dos intereses da cidadanía" e que optaron, non obstante, "por usurpar iso para beneficio propio".