Presentan o libro “Roteiro do padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés”
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra foi o escenario escollido pola asociación Galicia Milenio para presentar o libro Roteiro do padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés. Unha obra coa que o Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo (SEL) e coa financiación da Deputación de Pontevedra quere dar a coñecer o itinerario realizado polo Padre Martín Sarmiento no ano 1745, partindo de Pontevedra e rodeando todo o Salnés.
94 páxinas nas que os debuxos do artista portugués Carlos Basto ilustran os textos de Marcelino Agís sobre a variante do Camiño de Santiago que fixo Frei Martín Sarmiento. Un proxecto que busca divulgar a obra do relixioso a prol de Galicia e da comarca do Salnés á vez que “consideramos que o Padre Sarmiento nos ofrecía a través deste roteiro, unha oportunidade de coñecer mellor o noso patrimonio tanto natural, como arquitectónico, e que aproveitamos para que sirva para coñecer esa riqueza que temos tan preto de nós á vez que se presenta como unha oferta fermosa para o turismo”, segundo manifestou Marcelino Agís, autor da obra e director da Asociación Galicia Milenio.
O libro recolle as acuarelas realizadas por Carlos Basto dos municipios de Cerdedo (lugar de procedencia da familia do Padre Sarmiento), Pontevedra (lugar onde viviu ata os 15 anos e desde onde iniciou a súa viaxe para gañar o xubileo, rodeando o Salnés,) Poio, Sanxenxo e o Grove e sitúase, segundo Ana Cancela directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo “entre un libro de artista e un caderno de viaxe”.
EXPOSICIÓN DE ACUARELAS
Roteiro do padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés forma parte dun proxecto máis amplo que consta dun ciclo de conferencias coas que se busca promover este roteiro e dunha exposición no porto deportivo de Sanxenxo na que se amosan as 48 acuarelas dos artistas portugueses Carlos Basto e Mariana Basto e que son a base da obra que hoxe se presentou. A exposición pódese visitar ata o próximo 9 de xullo, na Sala Nauta do porto deportivo de Sanxenxo.
CICLO DE CONFERENCIAS
O vindeiro mes de agosto durante as VI xornadas "Sanxenxo na Historia" celebrarase unha mesa redonda sobre a viaxe que Frei Sarmiento realizou a Santiago dende Pontevedra rodeando a comarca do Salnés. Será unha sesión divulgativa na que participarán a profesora da Universidade de Vigo Pilar Allegue Aguete e o profesor da USC Marcelino Agís Villaverde. Esta conferencia terá lugar na sede de ABANCA no Porto Deportivo de Sanxenxo, entre os días 26, 27 e 28 de agosto.