Comezan as visitas guiadas polo Museo de Pontevedra
Por Redacción
Este mércores 1 de xullo o Museo de Pontevedra comeza o programa de visitas guiadas dirixido a visitantes individuais que este verán queiran coñecer a historia dos edificios e pezas que integran o Museo.
Pensadas para todo o público en xeral, as vistas realizaranse de martes a venres en dous turnos de mañá, ás 12.00 horas, e de tarde, 19.00 horas. En ambos os dous casos, o paseo comezará no Sexto Edificio.
Cunha duración dunha hora aproximadamente, nestas visitas farase un breve percorrido polos edificios Sexto e Sarmiento destacando algunhas das obras principais da colección do Museo.
Todas as persoas interesadas en participar non terán que inscribirse reviamente para participar nestes paseos guiados. Se ben, establécese un máximo de 25 participantes por visita.
O programa de visitas guiadas prolongarase ata o 28 de agosto e complementa as actividades que o Gabinete Didáctico dirixe aos grupos que diariamente visitan o Museo.
A RUTA NOCTURNA DO MUSEO
Co gallo da celebración do aniversario do museo que abriu as súas portas o 10 de agosto de 1929, un ano máis levarase a cabo a Ruta Nocturna do Museo durante o mes de agosto.
Os venres 21 e 28 de agosto, realizarase un percorrido pola historia dos edificios do Museo pero cunha ollada diferente baixo a luz e as sombras do horario nocturno. No percorrido comezará as 21.00 horas nas Ruínas de San Domingo e farase fincapé nalgunha das obras máis relevantes do conxunto do Museo.
Para participar nestas rutas nocturnas é preciso inscribirse previamente xa que o número máximo de participantes é de 30 persoas por visita.
A inscrición pode realizarse no correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es ou chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413 (en horario de 8:30 a 14:30 horas).