Un festival con Pitingo, Álex Ubago e Efecto Mariposa, principal atracción das Festas do Carme
Por Diego Espiño
Un festival musical no Parque Eguren o mércores 15 de xullo será a principal atracción das Festas Virxe do Carme de Marín, cuxa programación foi presentada este venres.
Efecto Mariposa, Pitingo, Álex Ubago e Fernandisco DJ compoñen o cartel do festival, de balde como todos eventos das festas.
É só unha das citas festivas dunha programación "llena de deporte, ocio y cultura para todas las edades", sinalou a concelleira de Cultura, María José de Pazo.
Entre as novidades, explicou de Pazo, encóntrase un festival de grupos emerxentes o venres 10 para "que sea como una catapulta para nuestros grupos".
A nivel musical tamén destaca a actuación de Los Secretos o sábado 11, o I Aniversario Galifornia con Via Radio o martes 14 e as diferentes orquestras que amenizarán as verbenas da Praza de España.
Aínda que os principais eventos se concentran do 10 ao 16 de xullo, a programación tamén inclúe citas como a concentración de motos (do 3 ao 5 de xullo) ou a Festa da Cigala (24 a 28 de xullo), ademais os torneos de fútbol e fútbol sala Virxe do Carme, o Trofeo Virxe do Carme de Ciclismo, o Festival de Bandas Airiños de San Xulián ou a Batalla de Flores Nocturna do sábado 12 de xullo.
As Festas do Carme de Marín manteñen o presuposto dos últimos anos con "casi 200.000 euros".