"Lobos", o novo disco do marinense Davide Salvado sae á venda o próximo 16 de xuño
Por Alejandro Espiño
O novo disco do músico marinense Davide Salvado está a piques de saír ao mercado. O próximo 16 de xuño é a data elixida para o lanzamento de Lobos, o seu terceiro disco en solitario.
Lobos está composto de dez temas cheos de amor pola tradición, por Galicia, pola súa lingua e as súas xentes. Os lobos inspiran este disco como parte da Galicia máis pura e salvaxe. O artista asegura que está feito dende o corazón, como un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é. E dende esa enerxía local a súa música transfórmase nun son global.
Este novo disco está producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful) e nel colaboran músicos do talle de Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrra), entre outros.
Como aperitivo a este lanzamento, o artista editou este martes o primeiro single deste disco, a canción A vida, que está dispoñible a través de iTunes e YouTube.
TRAXECTORIA DE DAVIDE SALVADO
Davide Salvado é, sen dúbida, unha das voces máis carismáticas da música do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas na busca de ritmos, coplas e danzas. Tras iniciar a súa carreira profesional xunto a Ugía Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble, pouco despois uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño, co que xirou por escenarios de medio mundo.
No 2011 editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, e tras dous anos de xira presentou O ladrón de amorodos, un espectáculo a tres xunto o acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista Cristian Silva.
Grazas a este proxecto, Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de Womex 2014, a feira de ‘world music’ máis importante do mundo, conseguindo así unha grande presenza nos medios especializados internacionais, sobre todo en Estados Unidos.
Ademais, gañou o premio ao mellor artista de música tradicional galega na segunda edición dos Premios Galegos da Música que se entregaron en Pontevedra. O pasado mes de febreiro editou tamén o disco Rústica, un proxecto moi especial xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, e prepara a súa participación en festivais e concertos en diferentes países.