Tomeza acollerá o Serán de Música tradicional o vindeiro 20 de xuño
Por Redacción
A asociación cultural San Cibrán de Tomeza celebrará por terceiro ano consecutivo o Serán de Música tradicional o próximo 20 de xuño a partir das 21.00 horas. Desta forma, a organización quere continuar co éxito de asistencia obtido durante as dúas edicións anteriores.
Ademais da música, o público que acuda poderá gozar dunha sardiñada ou degustar uns bos chourizos. Todos os grupos de música que queiran participar terán que achegarse ata o lugar da capela de San Cibrán e apuntarse á súa chegada para actuar durante este Serán. Só terán prioridade na orde de actuación aqueles grupos que estean formados por nenos. Cada grupo participante terá a oportunidade de interpretar catro temas.
A organización alerta de que, en caso de que xurdise mal tempo durante esa xornada, se instalarían carpas para celebrar esta festa xa tradicional na parroquia. Para máis información, o colectivo facilita este correo asoc.cult.sancibran@gmail.com