A agrupación arousá Pablo Vidal Trío presenta en Vilagarcía unha proposta de Jazz-Galaico
Por Redacción
A música de jazz entra na programación das festas de Santa Rita da man dun músico local, o vilagarciano Pablo Vidal que, xunto con Gabriel Peso e Noli Torres compoñen a formación Pablo Vidal Trío que o xoves, 21 de maio, presenta no Auditorio o seu primeiro traballo discográfico titulado "Jazz Pagano". Esta orixinal proposta de jazz-galaico xestada e parida en Vilagarcía conta xa cunha elevada valoración por parte da crítica entendida e cunha excelente acollida de público nas cidades nas que xa foi presentada como Coruña ou Vigo.
"Jazz Pagano" componse de 8 temas compostos por Pablo Vidal. O autor gravou o disco no propio Auditorio Municipal coa colaboración da Concellería de Cultura. E, a maiores, a carátula do CD é unha creación do artista de Vilaxoán Xaquín Chaves.
O autor explicou que o título "Jazz Pagano" responde a dúas cuestións. A primeira a que o cualificativo fórmase coas primeiras sílabas dos nomes dos membros do trío (Pablo, Gabriel e Noli) e o segundo, xa máis sutil, porque a súa intención era alonxarse do jazz academicista que é o que domina a escena actual, para explorar a fusión entre jazz e música tradicional galega ou, dun xeito máis amplo, cos ritmos atlánticos. Para deixar patente esta orixinal experimentación, o tema "O alalá da serea" conta coa colaboración da cantante Uxía.
O concerto de Pablo Vidal Trío será o xoves, 21 de maio no Auditorio a partir das 21:00 horas. A entrada única custa 5 euros e poderán comprarse o mesmo día da actuación no Auditorio.