Odaiko e a Banda de Música presentan o espectáculo 'Vaia banda' no Grove
Por Redacción
Os escolares do Grove teñen unha cita co espectáculo 'Vaia Banda' que ofrecerá o sábado 9 na Praza do Corgo o grupo de percusión Odaiko e a Banda de Música do Grove a partir das 20.00 horas.
Trátase dun concerto didáctico, no que os percusionistas de Odaiko en combinación coa banda realizarán unha viaxe sonora na que repasarán parte da literatura musical presente en cada unha das rexións do país. O espectáculo conta cunha divertida posta en escena, na que aparecen todo tipo de instrumentos de percusión.
Odaiko é un grupo de percusión fundado en 2003, formado por catro músicos licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz. Ofrecerán unha festa chea de boa música, humor e aventuras inesperadas nas que o público cativo vai divertirse.
'Vaia Banda' está incluído na programación 'Contamos contigo', elaborada polas concellarías de Educación e de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación. Esta iniciativa inclúe contacontos, concertos e outras actividades destinadas aos máis pequenos da casa.