Miki Nadal presenta con éxito en Pontevedra a súa peculiar 'Mikipedia'
Por Diego Torrado
Unha nova enciclopedia virtual máis próxima á xente, sen termos técnicos pesados e moito máis comprensible para o home da pé e o que está tirado no sofá. É a peculiar proposta que creou o popular humorista Miki Nadal que, na tarde deste venres, trouxo a súa Mikipedia a Pontevedra.
Centos de pontevedreses abarrotaron o auditorio do Centro Social de Afundación na cidade para ver este cómico aragonés, moi coñecido polos seus traballos televisivos, entre outros, en programas como El Informal, El club de la comedia, Sé lo que hicisteis e, actualmente, Zapeando.
Ao máis puro estilo da comedia 'stand-up' americana, o público puido gozar dun concepto teatral único, onde aos enxeñosos guións que estruturan a historia se suma unha interpretación actoral, comicidade xestual e posta en escena lonxe do que o público está afeito como simple monólogo de humor.
O espectáculo ofreceu unha proposta coidada sobre a escena onde o seu intérprete utilizou os seus numerosos recursos técnicos teatrais e cómicos que o levaron a ser un dos principais cómicos do noso país na actualidade.
Neste espectáculo, cun contido baseado nun humor branco para todos os públicos, o artista fixo un repaso a diferentes costumes e definicións que se poden encontrar nesta famosa web, dándolle unha volta e levándoo ao seu terreo e interpretación.