Os rapaces máis teatreiros representan 'A primavera da aldea' no Principal
Por Redacción
Os nenos que participaron durante este curso en seis obradoiros de expresión dramática, plástica e musical serán os protagonistas do espectáculo 'A primavera da aldea', unha creación colectiva sobre o despoboamento do rural, que se representará este domingo 26 no Teatro Principal a partir das 20.00 horas.
190 escolares, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, gozaron de 22 sesións ofrecidas por Migallas Teatro dentro do programa A procura do Tesouro, posto en marcha pola concellaría de Cultura co obxectivo de desenvolver as capacidades creativas mediante o xogo dramático.
'A primavera da aldea' conta cun argumento que se encontra inspirado nas accións levadas a cabo en localidades como Vilariño de Conso, na montaña ourensá, que permitiu conseguir manter aberto o colexio que ía ser pechado polo escaso número de alumnos. Os veciños ofreceron casas e terras cunha renda moi económica a familias de fóra que tivesen nenos en idade escolar para que se establecesen alí. Desta forma, lograron aumentar o número de matriculados e tamén se incrementou o profesorado.