Alfonso Zarauza, Carlos Iglesias e Uxía Blanco, principais atractivos do congreso 'Pontevedra... e acción!'
Por Redacción
O Pazo da Cultura será o escenario do congreso audiovisual 'Pontevedra... e acción!' que se vai desenvolver os días 23 e 24 de abril, organizado pola Concellería de Turismo, dentro das actividades da Pontevedra Film Commission. Este congreso ten como principal obxectivo, segundo explicou a concelleira de Promoción económica Carlota Román, para potenciar a cidade como estudio de rodaxes audiovisuais e contará coa participación de actores, directores e guionistas relacionados co cine e a televisión.
O xoves 23 desenvolverase unha mesa redonda coa participación de, entre outros, a decana de Comunicación Audiovisual, Emma Torres; o director e guionista recentemente premiado nos Mestre Mateo, Alfonso Zarauza; o actor e director Carlos Iglesias e os directores Ángel Santos e Pablo Cacheda. Tras o debate realizarase unha clase maxistral a cargo do crítico de cine, José Manuel López Fernández.
Durante a visita realizarase un concurso de clips a partir dunha visita guiada á cidade. Os creadores poderán presentar un traballo audiovisual de minuto e medio. O que resulte gañador será premiado con 2.000 euros e, se o xurado o decide, utilizarase como promoción turística da cidade de Pontevedra.
Ao longo da mañá do venres 24, desenvolverase unha xornada técnica sobre 'Novas correntes de cine' coa intervención da actriz Uxía Blanco, da guionista Diana López e do actor protagonista de 'A lingua das bolboretas', Manuel Lozano.
Carlota Román na presentación do congreso destacou a importancia de potenciar a realización de gravacións, xa sexa películas, curtas ou webseries, na cidade para despois promover Pontevedra como escenario destas producións para potenciar o turismo. Engadiu que espera a afluencia de alumnos de Comunicación Audiovisual ao Congreso. Este evento estará aberto a todo o público que teña interese en asistir xa que é gratuíto e non se precisa inscrición.
Relacionadas:
-
Un vídeo que relaciona paisaxes de Pontevedra con grandes momentos do cine, mellor clip do Congreso Audiovisual
Por Redacción |
-
Once realizadores optan a gañar o premio ao mellor clip turístico no Congreso do Audiovisual
Por Daniel Santomé & Anxo Lourido |
-
Comeza en Ciencias Sociais a rodaxe da curta 'Desde dentro' do pontevedrés Samuel Lema
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle a gravación da webserie 'Dalle Jas!'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cámaras, luces... acción! Ródase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |