O certame de 'Ben veñas, maio' retorna para fomentar a lingua galega entre os mozos máis creativos
Por Redacción
Un ano máis, os institutos e centros de ensino secundario de Pontevedra participarán nunha nova edición de 'Ben Veñas, maio 2014-15' na que os estudantes terán a oportunidade de amosar as súas habilidades creativas e o seu dominio da lingua galega a través de certames de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música, ademais de teatro.
Os certames de narración curta e banda deseñada destínanse a traballos que deberán ser orixinais e inéditos, deben ter unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis. Nos relatos o tema será libre, mentres que no caso da banda deseñada deberán reflexionar sobre o uso e valoración das linguas. Haberá dúas categorías, ata 14 anos inclusive e a partir de 15 anos.
O certame musical está destinado a todos os grupos ou solistas cuxa maioría de membros estean matriculados en institutos públicos da cidade. O prazo de presentación de traballos finaliza o 10 de abril e a celebración do certame será o 9 de maio no Pazo da Cultura. Os músicos deberán interpretar dúas cancións orixinais, a primeira a partir dun poema propio e a segunda dun poeta ou poetisa con obra en galego.
No concurso de fotografía deberán recollerse imaxes que representen o uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, pintadas ou paneis publicitarios; mentres que no caso dos poemas o tema será libre, pero as composicións non poderán superar, en canto á súa extensión, un máximo de trinta versos.
Para o certame musical, os premios para os participantes serán de 400 euros para o primeiro, 350 euros para o segundo e 150 para o terceiro grupo ou solista que interprete os seus temas en galego. Mentres que para os outros catro concursos os gañadores obterán 150 euros e o segundo 75 euros.
A mostra de teatro vai desenvolverse os días 6, 7 e 8 de maio no escenario do Teatro Principal.
A Concellería de Normalización Lingüística organiza este programa en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino. Dende o Concello apórtanse 3.075 euros para premios dos gañadores. Con estas actividades, segundo explicou o concelleiro Demetrio Gómez na presentación, preténdese promover a presenza da lingua en actividades especialmente dirixidas a adolescentes e que incentiven tanto a creatividade como a participación e a comunicación en galego.
Nestes certames poderán participar os alumnos matriculados nos institutos públicos do concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Nova cita para a creatividade en galego dos mozos pontevedreses
-
Dez grupos musicais dos institutos da cidade participaron en Ben veñas Maio
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
'Maio, mes da lingua' chega máis reivindicativo ca nunca con 60 actividades de 30 entidades
Por Natalia Puga |
-
'Ben veñas, maio' emprende a súa anual busca de creatividade en galego nos institutos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |