Dos trucos clásicos ao escapismo nunha tarde de maxia familiar con Pedro Volta
Por Redacción
A cidade na que naceu e creceu, na que viviu o seu espertar ao mundo da maxia aos 6-7 anos de idade, na que ofreceu as primeiras actuacións e tamén o seu primeiro espectáculo teatral. Pontevedra significa, para o mago Pedro Volta, "jugar en casa" e este sábado terá a oportunidade de facelo a través de 'Ilusionante', un espectáculo de maxia para toda a familia no que terán oco os trucos clásicos e o ilusionismo, os grandes números e os sinxelos, a diversión e a fantasía.
Pedro Volta regresa ao escenario no que no ano 2000 ofreceu o seu primeiro espectáculo teatral, o Teatro Principal, nun espectáculo cunha duración de ao redor de 75 minutos que se pode ver en dúas sesións distintas, ás 17.00 e as 20.00 horas deste sábado 28 de febreiro. As entradas están á venda na web de Servinova a un prezo de 8 euros os adultos e 6 os nenos de 6 a 12 anos. PontevedraViva organiza un concurso para agasallar con dúas entradas a través do Facebook.
A través de 15 números "muy diferentes", este mago pontevedrés que leva xa 9 anos asentado en Madrid transportará aos espectadores a un mundo de fantasía e soños, un mundo no que coidará ata o último detalle para que gocen os nenos a partir dos 4 anos, pero tamén os adultos que lles acompañen, pois no seu espectáculo intenta "que los padres se lo pasen igual de bien que sus hijos" e, de paso, que regresen á súa infancia e revivan os soños dos seus primeiros anos de vida.
O espectáculo arrancará cun número clásico e rematará cun truco final de escapismo. Entre un e outro convivirán as emocións, a poesía, a participación -os nenos convértense en protagonistas dalgúns dos trucos- e a fantasía, pois a Pedro Volta lle gusta que aderezar os seus espectáculos contando historias.
O resultado final será un espectáculo con "una carga emocional grande" que xirará ao redor dunha caixa que atesoura xoguetes e obxectos da infancia e que explotará os recursos que ofrece para un mago poder actuar nun espazo teatral. Rodas, caixas, engrenaxes, farois e unha iluminación moi coidada subirán ao escenario con Pedro Volta e demostrarán unha das premisas das que parte o artista, que "el teatro dá una magia especial" que el non encontra noutros escenarios.
Unha vez creada unha atmosfera fantástica e misteriosa, desenvolverá un espectáculo de corte elegante e con moito ritmo no que terán un oco especial os números de máxica clásico con toque moderno e innovador. A maxia é para Pedro Volta "mi profesión, mi vocación y mi pasión" e esa implicación 100% lévaa ao escenario a través de actuacións nas que intenta "principalmente, comunicarme con el espectador".