O Local de Música vai converterse en plató de gravación de vídeos para Youtube dos grupos locais
Por Redacción
Música e imaxe en movemento é a combinación proposta para este ano para a actividade Rock&Lérez dende o Local de Música. Este espazo de ensaio e gravación para os músicos pontevedreses converterase tamén en estudio de rodaxe de vídeos de actuacións, que serán colgados na canle de Youtube de Local de Música.
O prazo de inscrición para participar nesta proposta xa está aberta para todos os grupos do municipio. Diego Parajó, responsable de Local de Música, presentou en compañía de Demetrio Gómez, concelleiro de Xuventude e da artista multidisciplinar, Fátima Baña, esta nova actividade que supón un paso máis á realizada durante 2014 cunha exposición fotográfica de grupos que se puido ver na praza da Ferrería.
Está previsto que ao longo dos próximos quince días se colguen os primeiros vídeos musicais na canle de Youtube de Local de Música e tamén se comezarán a realizar gravacións durante os sábados ás que está invitado o público, ao redor de 20 persoas por sesión, para aparecer nas imaxes e para coñecer como se realiza un proxecto destas características.
Segundo Parajó, en Pontevedra hai na actualidade 150 grupos de música. Deles, 54 ensaian en Local de Música.