Os gravados de Dalí, Picasso e Miró chegan a Pontevedra
Por Mónica Patxot
A faceta na arte do gravado de artistas internacionais do talle de Salvador Dalí, Pablo Picasso ou Joan Miró será un dos principais atractivos da nova exposición que se pode visitar dende este mércores 28 de xaneiro no Café Moderno, sede da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Pontevedra.
A mostra 'Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló' permanecerá aberta ata o 18 de abril e poderá ser visitada en horario de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
A exposición está integrada por 38 pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación e permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan Dalí, Picasso e Miró, pero tamén outros como Barceló.
O espectador asistirá a un percorrido fiel pola arte calcográfico española dos últimos tempos, no que as distintas técnicas de gravado, litografía e serigrafía reivindican definitivamente o seu valor técnico, estético e diferencial con respecto ao resto das manifestacións artísticas.
Como complemento á exposición, inclúese unha mostra dos materiais e utensilios que se utilizan nos talleres profesionais de gravado nas catro técnicas principais: serigrafía, litografía, xilografía e gravado calcográfico. Entre eles encóntranse unha pantalla de serigrafía, unha pedra litográfica, carborundum, pranchas de madeira gravadas, burís... cedidos para esta ocasión pola Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea.
Coa finalidade de achegar aos escolares a técnica do gravado e a súa importancia dentro das diferentes manifestacións artísticas, Afundación deseñou un completo e orixinal programa para os nenos, adaptado ás diferentes idades e capacidades. Máis de 650 estudantes reservaron xa praza para participar no programa que deseñou a área educativa de Afundación para os centros escolares.
Para participar en calquera destas actividades é necesario solicitar praza no 986 333 210. No mesmo teléfono é posible facer reserva previa de visitas guiadas para colectivos de adultos e público en xeral.