Propostas "novidosas" e unha aposta por "músicos do país", claves do novo ciclo de butacas da BMP
Por Alejandro Espiño
Tras un ano moi intenso, no que celebraron o seu 110 aniversario, a Banda de Música de Pontevedra retoma a súa actividade cultural cunha nova edición do seu tradicional ciclo de butacas. Serán nove concertos -só sete formarán parte do aboamento- que terán lugar entre o 29 de xaneiro e o 28 de maio e cos que a formación achegan propostas "o máis novidosas posibles", segundo Adrián Silva.
O ciclo comezará este xoves 29 de xaneiro cun concerto conducido polo director titular da banda, Juan Lois Diéguez. A pesar do seu nome, As catro estacións, "que a xente non espere ver o clásico repertorio de Vivaldi", avisa Adrián Silva. A BMP decidiu innovar e ofrecerá pezas nas que diferentes autores se aproximan ás catro estacións climáticas dende diferentes puntos de vista.
O 12 de febreiro o director da Banda Sinfónica Portuguesa, Francisco Ferreira, será o encargado de levar a batuta da formación pontevedresa; mentres que o día 26 a BMP apostará por "xente moza e da nosa terra" e estará dirixida por David Pérez Trigo, contando como solista con Ana Franqueira, unha oboísta da banda que está a cursar estudos de canto e actuará nesta ocasión como soprano.
A seguinte cita co ciclo será o 26 de marzo e estará protagonizado por un "musicazo" como solista, o clarinetista Javier Vidal Suárez, natural de Arcade e que actualmente é solista da Banda Municipal da Coruña. O 16 de abril será a quenda para que a banda "explore novos repertorios" e se aproxime a compositores americanos; e o 23 de abril será a quenda como solista do trombón Marcos Pereiro López, un músico de Silleda.
O último concerto, que servirá como previo ao Día das Letras Galegas, será o 14 de maio e reunirá tres músicos galegos de ampla traxectoria: Alfredo Susavila, Abe Rábade e Manuel Riveiro.
Todos estes concertos celebraranse no Teatro Principal ás 21.00 horas. Teñen un custo de dous euros cada un, aínda que está dispoñible un aboamento para os sete que se pode adquirir por dez euros.
Ademais destas sete citas, a Banda de Música de Pontevedra volverá colaborar co Salón do Libro. Ao estar este ano dedicado á ciencia e a ficción, a formación interpretará o programa Godzilla Eats Las Vegas, do estadounidense Eric Whitacre. "A xente se vai sorprender do que fan os músicos, porque teñen que escenificar como Godzilla destroza a cidade de Las Vegas", explicou Adrián Silva. Terá un custo de cinco euros.
A BMP colaborará tamén este ano coa Academia Europea de Directores de Banda. Grazas a este acordo directores noveis formaranse dirixindo a agrupación pontevedresa. Pasarán pola cidade varios mozos aos que se lles dará a oportunidade de traballar durante unha semana cun colectivo profesional de músicos. Todo este traballo terá o seu reflexo nun concerto gratuíto que se celebrará o 28 de maio.
Relacionadas:
-
176.500 euros para reforzar a traxectoria da Banda de Música de Pontevedra
Por Redacción |
-
A arte ao clarinete de Javier Vidal acompaña á BMP nun novo concerto do seu ciclo de butaca
Por Redacción |
-
Unhas innovadoras 'catro estacións' abren o ciclo de butaca da Banda de Música de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
A quinta edición dos 'Concertos en Familia' pecha cunha asistencia media do 95%
Por Redacción |
-
O Seminario Permanente de Jazz e a BMP póñenlle música ao Nadal
Por Redacción |