Furious Monkey House enche a Sala Karma días antes de ir a Londres a gravar o seu primeiro disco
Apenas uns días antes de que se despracen a Londres para gravar o seu primeiro disco nos míticos estudos de Abbey Road, por onde pasaron bandas como The Beatles, The Rolling Stones ou Foo Fighters, Furious Monkey House quixo presentar este venres en directo, entre outros, os dez temas que formarán parte deste debut discográfico.
Fixérono nunha Sala Karma que colgou o cartel de 'non hai entradas' e ante un público completamente entregado.
O grupo, encabezado por Gonzalo Maceiras e formado por un grupo de alumnos de música de nove e dez anos, deu renda solta a un talento que xa lles levou a recibir grandes críticas por parte de medios especializados. Inspirados nunha onda pop-rock, a súa música recorda a míticas bandas e artistas dos 90 e primeira década dos 2000 como Rem, Pixies, U2, Travis, Reef ou Alanis Morrisette.
O proxecto, que nun principio naceu como un proceso para aprender, entender e crear música, afianzando os coñecementos musicais dos seus novos compoñentes, colleu rápidamente un carácter propio e desenvolveu unha serie de cancións e uns videos de actuacións en directo en estudo, o cal permitiu aos rapaces tocar en salas locais e en festivais, compartindo cartel con artistas nacionais e internacionais.
Durante a súa actuación en Sala Karma, Furious Monkey House presentou á súa nova formación. Son cinco pícaros cunha base eléctrica guiada por un mono bajista, adornada polo ritmo de Carlota á batería, Irene e Manuel á guitarra, Amaia ás teclas e Mariña como voz principal.
A banda estivo teloneada pola Banda do Terror, outro grupo de escena musical pontevedresa, un grupo que versiona cancións galegas de rock e bravú e que está formada polos "vampiros máis sanguentos da cidade do Lérez", como eles mesmos proclaman.