"Dura Lex", a máquina da xustiza sorprende o público pontevedrés coa súa crítica ao sistema xudicial
Por Redacción
Un único actor sobre o escenario -Pepe Penabade-, unha ambientación sobria e unha trama na que un xuíz expulsado da maxistratura presenta un invento para suplir os elementos "prescindibles" do aparato xudicial. Eses foron os elementos cos que se presentou este xoves a obra Dura Lex nun Teatro Principal de Pontevedra que rexistrou unha fantástica afluencia de público.
Vítima dunha conspiración urdida nas intricadas canalizacións do poder xudicial, o xuíz Salomón da Silva chegou a Pontevedra en plena busca de redención, dando a coñecer o froito de máis de vinte anos de traballo e investigación. Trátase da máquina Dura Lex Pro 1.0, un aparato mecánico co que busca impartir xustiza.
Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delituosas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica. Todo iso para solucionar todas as imperfeccións do sistema xudicial.
Carlos Santiago asina un texto ácido, no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións máis filosóficas arredor do concepto de xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo, mentres que o atrezzo correu a cargo de Pancho Lapeña.
Dura Lex ofreceu ao público pontevedrés, que celebrou a obra cun grande aplauso, unha crítica dura e descarnada ao sistema xudicial vixente, pero sen deixar de nado en ningún momento a súa clave de humor.
Despois da representación da obra tivo lugar un coloquio no que participaron o xuíz Xermán Varela, membro de Xuíces pola Democracia, e o avogado do Observatorio dos dereitos e das liberdades, Guillerme Presas.